XXVIII Festival de Jazz de Lugo

David Murray Quartet

Con David Bryant, Jaribu Shahid & Eric McPherson
Mércores 14 de Novembro
20:30 H
Círculo das Artes - Escenario 190612.00 €

Saxofón e clarinete baixo, David Murray é un dos músicos máis innovadores e orixinais do panorama jazzístico contemporáneo. Murray desborda prestixio aínda que o seu nome non sempre soe familiar. Fundador do World Saxophone Quartet, con Oliver Lake, Julius Hemphill e Hamiet Bluiett, mereceu a seguinte opinión en The New York Times: «A banda máis importante e orixinal xurdida desde que Miles Davis, Ornette Coleman e John Coltrane redefiniron a improvisación de grupo a finais dos anos cincuenta. Co World Saxophone Quartet gravou unha vintena de discos. En solitario, o saxofonista redondea máis de centro trinta gravacións como solista de distintas formacións. Ademais, colaborou con Elvin Jones, McCoy Tyner, James Blood Ulmer, Cassandra Wilson, Olu Dara e unha listaxe de músicos tan variada como os estilos polos que transitou desde que chegou a Nova York do seu Oakland natal no 1975. En 1991, Murray recibiu o Danish Jazzpar Prize, considerado o Nobel do jazz». Do bebop ao free, da big band á experimentación solista, do funk á música africana, Murray mantén a curiosidade como motor. Reivindica a herdanza dos grandes tenores históricos, Ben Webster, Lester Young, Dexter Gordon, Johnny Griffin, adquirindo, ao mesmo tempo, un posto relevante nas vangardas posteriores. No seu son está presente tamén a influencia de Coltrane, Albert Ayler e Archie Shepp. O sopro de Murray soubo madurar no tempo e medrar nunha sorte de bebop evolucionado que ora bebe do blues e o gospel, ora se balancea sen rede sobre a música improvisada, a denominada world music e as numerosas variantes da afroamericana e caribeña. Para Murray non existen as fronteiras musicais. A pesar dunha carreira de lenda, o saxofonista non obtivo o recoñecemento que merece; afeito a entenderse coas propias fantasías e non coas que impón a industria musical; afeito a camiñar polas estradas secundarias do jazz nas que o engano non encontra lugar.

David Murray: saxo

David Bryant: piano

Jaribu Shahid: contrabaixo

Eric McPherson: batería

Organiza: Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz. Emenda e traduce: Shuǐ Lóng. Desenvolvemento web: GSL