XXVI Festival de Jazz de Lugo

Donny McCaslin Quartet

«A derradeira banda de David Bowie»
Sábado 19 de Novembro
20:30 H
Círculo das Artes - Escenario 190610 €

ENTRADAS [Notikumi](https://www.notikumi.com/2016/11/11/xxvi-festival-de-jazz-de-lugo)

  • Donny McCaslin: saxos
  • Jason Lidner: teclados
  • Mark Guiliana: batería
  • Jonathan Maron: baixo

Blackstar, o grandioso e loado último disco de David Bowie, editouse o 8 de xaneiro deste 2016, día do seu 69 aniversario. Dous días despois, o mundo enteiro estremecía coa noticia da súa morte.

As orixes de Blackstar’ teñen que ver con Maria Schneider, acompañado de cuxa orquestra gravou Bowie, no 2014, a peza «Sue (Or in a Season of Crime)» con aires jazzísticos de cinema negro. Nos días previos á gravación, Schneider animouno a que acudise a un club de jazz de Manhattan, The 55 Bar, onde actuaba o cuarteto do saxofonista Donny McCaslin. Impresionado polo que viu, Bowie enviou, dez días despois, un mail a McCaslin invitándoo a que participara, xunto co seu batería, Mark Giuliana, nunha sesión de gravación. Máis adiante, en xaneiro do 2015, McCaslin e o seu grupo ao completo foron convocados para gravar un disco enteiro. Blackstar non é, por suposto, o «disco de jazz» de David Bowie, aínda que o son que lle imprimiu o cuarteto de novas celebridades, sen dúbida figurón de proa nas augas da música contemporánea neoiorquina, lle confira un aire ao xénero.

Nomeado tres veces aos Grammy, Donny McCaslin é membro, en estudio e en directo, da orquestra de Maria Schneider, da Mingus Big Band, do quinteto de Dave Douglas e substituto de Michael Brecker en Steps Ahead. Saxofonista de técnica brillante e expresividade opulenta, é responsable tamén dunha carreira en ascenso imparable á fronte da banda propia. Capaz de abrazar con convicción rexistros diversos, de crear solos dun lirismo estarrecedor e de moverse con soltura en todo tipo de formacións, McCaslin foi cualificado pola revista Down Beat como o saxo tenor máis velozmente disparado cara a fama.

Mark Guiliana é unha figura de culto ascendente despois de alternar con Avishai Cohen, Meshell Ndegeocello, Brad Mehldau e Dhafer Youssef entre moitos outros. Á batería posúe un groove solto e lixeiro e, á vez, potencia coa que expande a herdanza hard bop, gusto pola electrónica e carácter intelectual como compositor. Foi portada de revistas especializadas, por exemplo Modern Drummer, e citado entre os 10 baterías que «fan a diferenza» no 2015; pero tamén é produtor e propietario do selo discográfico Beat Music Productions co que o ano pasado lanzou o primeiro álbum do seu cuarteto.

Jason Lindner, oriúndo de Brooklyn e fillo dun pianista, aprendeu a toca-lo piano antes que a camiñar (iso díxoo el). En todo caso, a súa precocidade levouno a converterse en toda unha figura en Greenwich desde moi novo, nos 90. Entón dirixía unha big band que actuaba tódolos luns no Smalls e tiña moito éxito pola orixinalidade dos seus arranxos e composicións. Un talento que sería recoñecido con varios premios de Down Beat e da Asociación de Periodistas de Jazz en anos posteriores.

Se ben tocou con artistas como Claudia Acuña, Omer Avital e Roy Haynes, e participou en gravacións con Chick Corea, Wynton Marsalis e Paquito D’Rivera, entre outros grandes a cuxos traballos achegou o seu gusto polo R&B, o hip hop, o soul e a electrónica, tamén lle fincou o dente ao house, ao _trance _e á fusión latina. Por suposto, ademais, liderou ensembles propias, como un quinteto, unha _electric band _na que participou o trompetista Avishai Cohen e, desde 2006, Now Vs. Now, agrupación de corte máis groovy e experimental que se iniciou como quinteto con Giuliana entre os seus integrantes.

Organiza: Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz. Emenda e traduce: Shuǐ Lóng. Desenvolvemento web: GSL