XXIX Festival de Jazz de Lugo, do 9 ao 16 de novembro do 2019

Naughty Professor

From New Orleans
Sábado 16 de Novembro
20:30 H
Círculo das Artes - Escenario 190612.00 €
  • Bill Daniel: guitarra
  • Noah Young: baixo
  • Sam Shahin: batería
  • Nick Ellman: saxo alto e barítono
  • Ian Bowman: saxo tenor
  • John Culbreth: trompeta

Naughty Professor é un sexteto iconoclasta que se inspira no jazz funk de Nova Orleans e cuxas gravacións e actuacións en directo, cargadas de enerxía, enfeitizaron unha entusiasta base de admiradores, mereceron eloxios da crítica e captaron amplamente a atención dos seus compañeiros de oficio. Unindo composicións complexas e enxeñosas e unha improvisación das máis naturais, rende homenaxe ao jazz da súa cidade, ao R & B e ás tradicións musicais mentres mira para o futuro.

Os membros da banda reuníronse por primeira vez no 2010, cando estudaban o programa de jazz da Loyola University. A poderosa química colectiva dos músicos axiña chamou a atención na escena musical de Nova Orleans. Despois de graduárense, comezaron a facer xiras e expandiron a súa audiencia ao ámbito nacional.

Os primeiros tres álbums de Naughty Professor incrementaron a antedita expansión. Gabado polos críticos a causa de posuír unha «profundidade e visión musical máis alá da súa xuventude», o nome do grupo aparece regularmente xunto aos de veteranos de Nova Orleans. A formación, no 2013, foi nomeada para mellor artista emerxente, e para mellor banda de funk cada ano desde entón. No 2015, 2016 e 2017 polos premios Best of the Beat de Offbeat Magazine para «Best R & B / Funk Artist». O baixista Noah Young e o batería Sam Shahin foron, ademais, nomeados finalistas na enquisa máis recente da mesma publicación, o que seguiu fomentando a estelar reputación musical da banda.

«Operamos con mentalidade de jazz, pero gústanno-las estruturas de verso e coro. Definitivamente adoptámo-la idea de que estamos a pecha-la creba entre o lado máis provocador do jazz e a música popular, e facémolo de xeito que resulte divertido e accesible para todo o mundo». Así pois, de ningunha maneira a banda é unha tradicional de Nova Orleans, mais, porén, as tradicións musicais e culturais da súa cidade teñen moito que ver coa forma na que fai música.

Organiza: Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz. Emenda e traduce: Shuǐ Lóng. Desenvolvemento web: GSL